O proxecto
- Inicio
- >
- O Proxecto
Saberes do Monte
O proxecto
As montañas galegas, as súas actividades tradicionais e as persoas que as manteñen forman parte dunha mesma historia. Saberes do Monte nace para fortalecer esa conexión e impulsar un modelo de monte vivo, onde a conservación da natureza e o desenvolvemento rural avanzan da man.
Coñecemento tradicional e custodia para a conservación dun monte vivo
Saberes do Monte traballa para conservar e restaurar hábitats de alto valor ecolóxico en cinco zonas de montaña de Galicia. Para iso, promove os saberes ligados ao territorio, como a gandería extensiva, o manexo tradicional de cabalos en liberdade, a apicultura e o ecoturismo.
Estas actividades achegan beneficios a toda a sociedade e desempeñan un papel fundamental na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento rural. O proxecto busca que esta contribución sexa máis visible e recoñecida, apoiando as persoas que fan posible un monte vivo.
Saberes do Monte
O valor de coidar o monte
As zonas de montaña de Galicia afrontan importantes desafíos sociais, económicos e ambientais. Saberes do Monte traballa para converter estes retos en oportunidades. Porque manter vivos os hábitats de montaña require manter vivas as actividades que os modelaron durante xeracións.
OS RETOS
Despoboamento, abandono do territorio, perda de biodiversidade e baixa rendibilidade das actividades agrogandeiras.
A NOSA PROPOSTA
Conservar hábitats de montaña, reforzar as actividades ligadas ao territorio e recoñecer o labor de quen axuda a coidalo.
O RESULTADO
Un monte máis activo e resiliente, con maior biodiversidade e novas oportunidades para vivir e traballar no rural.
Saberes do Monte
Que imos facer
- Conservar e restaurar hábitats de montaña para mellorar a infraestrutura verde do territorio e a súa conectividade, reforzando a súa resiliencia fronte ao cambio climático.
- Identificar os servizos ecosistémicos do monte, é dicir, os beneficios que a natureza achega ás persoas en canto a alimentación, saúde, benestar, desenvolvemento económico, etc.
- Promover acordos de custodia do territorio para coidar o monte de forma compartida entre comunidades locais e outros axentes, con especial atención á participación e liderado das mulleres.
- Impulsar a marca Saberes do Monte para fortalecer a bioeconomía rural, apoiando produtos e actividades vinculadas á gandería extensiva, a apicultura e o ecoturismo que contribúen á conservación dos hábitats de montaña.
- Explorar novas formas de financiar a conservación da biodiversidade que recoñezan e recompensen aquelas persoas, propietarias e produtoras, que manteñen nos seus montes espazos naturais de alto valor ambiental que benefician á poboación da contorna e a toda a sociedade.
- Compartir coñecementos e resultados para que a experiencia de Saberes do Monte poida replicarse noutros territorios e inspirar novas iniciativas.
Saberes do Monte
Continuidade de iniciativas anteriores
Saberes do Monte recolle a experiencia acumulada polas entidades socias en iniciativas anteriores:
Saberes do Monte
Entidades participantes
O consorcio do proxecto está integrado por catro entidades con ampla experiencia en proxectos de desenvolvemento rural en Galicia.
A Fundación Juana de Vega lidera o consorcio, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio.
Saberes do Monte conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Tamén colaboran co proxecto a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.