Territorios

Concellos:

Negueira de Muñiz

Provincia:

Lugo

Figuras de protección:

Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera río Eo, Oscos e Terras de Burón

Hábitats destacados:

Actividades principais:

Negueira de Muñiz

Negueira de Muñiz é un concello situado na zona máis oriental da provincia de Lugo, limitando ao leste, norte e sur con Asturias. Pertence á comarca da Fonsagrada, forma parte da Rede Natura 2000 (ZEC Negueira) e está incluído dentro da Reserva da Biosfera río Eo, Oscos e Terras do Burón.

O seu relevo é moi accidentado, con picos que superan os 1.000 metros, e a súa rede fluvial está canalizada polo río Navia, que atravesa e divide o concello. Os profundos vales deste río, xunto coa abrupta orografía de montaña, orixinan un clima de contrastes, con invernos fríos e veráns suaves.

Estes contrastes definen tamén a paisaxe e a vexetación do territorio, na que destaca a presenza de castiñeiros e viñedos nas zonas de val.

As actividades

Trátase do concello menos poboado de Galicia, con apenas 237 persoas censadas en 2025. Aínda que o crecemento vexetativo xa era negativo anteriormente, a sangría demográfica no territorio foi patente desde o ano 1960, momento da construción do encoro de Salime.

O illamento deste territorio e a presenza do encoro, que durante décadas separou o municipio en dúas beiras incomunicadas, condicionaron tamén a limitada actividade agrogandeira existente na actualidade e a configuración actual da paisaxe.

A apicultura e a explotación madeireira son básicas na economía do territorio, aínda que destaca tamén a actividade económica relacionada coa enoloxía. Nos últimos tempos está adquirindo protagonismo a actividade terciaria, que ocupa na actualidade unha boa parte da poboación activa.

Imaxes