Marca Saberes do Monte

Saberes do Monte

Marca Saberes do Monte

Saberes do Monte é unha marca colectiva que identifica produtos e servizos que derivan de prácticas tradicionais que contribúen a conservar hábitats de montaña, mellorar a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos.

Estas actividades son a gandería extensiva e as súas prácticas asociadas, o manexo tradicional de cabalos en liberdade, a apicultura e o ecoturismo.

A marca nace para poñer en valor estes produtos e servizos e posicionalos no mercado.

Que achega a marca?

Recoñecemento

Fai visible o traballo de quen contribúe a conservar o monte mediante a súa actividade.

Diferenciación

Identifica produtos e servizos cun selo que lles proporciona un valor engadido no mercado.

Comunidade

Constrúe unha rede de persoas e entidades que comparten unha visión común sobre o territorio.

Queres formar parte?

Se desenvolves unha actividade que contribúe a manter vivos os hábitats naturais e as comunidades locais, comproba se cumpres as condicións e solicita a túa adhesión para formar parte de Saberes do Monte.

Ecoturismo

Amodo Turismo

Experiencias para coñecer a paisaxe e a esencia da Serra da Groba

Iniciativa turística desenvolvida por Patricia Muñoz, guía oficial de Galicia, que ofrece experiencias inmersivas para explorar e coñecer o patrimonio ambiental, histórico e cultural da Serra da Groba e do Baixo Miño, no sur de Pontevedra.

Unha das súas actividades estrela son as visitas interpretativas aos curros de Oia. Tamén destacan as súas rutas interpretativas aos petróglifos no Baixo Miño.

amodoturismo.com

Apicultura

Apicultura Niño do Corvo

Mel, velas, cosméticos e apicultura na Serra da Groba

Empresa radicada no Rosal, coa familia de Marcos Rodríguez á fronte. Ofrecen venda de material, formación e asesoramento apícola, ademais do mel “Niño do Corvo”, procedente de máis dun cento de colmeas situadas nas carballeiras galaico-portuguesas e nos queirogais secos da Serra da Groba.

Tamén elaboran e venden velas e cosméticos feitos a base de cera, mel e própole.

apiculturagalicia.es

Gandería

As Vacas dos Meus

Carne de terneira da Serra do Xistral

Gandería extensiva de alta montaña liderada por Mónica Requeijo, con animais en liberdade alimentados unicamente a base de pasto, silo e forraxe.

Comprometida coa produción de carne cun impacto positivo no territorio, leva a cabo un manexo que antepón o benestar animal, que protexe a biodiversidade e que busca crear futuro no rural co seu proxecto www vacantes.gal.

asvacasdosmeus.com

Ecoturismo

Finca Moreiras

Unha inmersión na cultura ecuestre dos cabalos salvaxes de Galicia

Finca Moreiras, liderada por Adrián Martíns, ofrece diversas actividades ecuestres para coñecer e gozar do patrimonio cultural e natural de Galicia, arredor dos cabalos salvaxes da Serra da Groba.

Ofrece rutas a lombos dun cabalo de Pura Raza Galega, que transcorren polos queirogais desta serra, onde é posible observar os numerosos cabalos salvaxes.

fincamoreiras.com

Ecoturismo

Guía tu día

Descubre A Mariña de corazón con Guía tu día

Á fronte de Guía tu día está Ana Pena, guía oficial de Galicia. O proxecto nace para poñer en valor a Serra do Xistral e a comarca da Mariña Lucense a través de visitas guiadas personalizadas.

A través dos seus paseos culturais e naturais, a persoa visitante poderá descubrir a comarca, achegarse á historia, ás tradicións, á gastronomía e ás curiosidades do lugar, buscando que a calidade e a experiencia queden no recordo da persoa espectadora.

@guia_tudia

Apicultura

Mel Vituco

Apicultura de montaña na Serra do Xistral

No lugar de Rebordelos, na parroquia muresá do Viveiró, os irmáns Javier e Raquel Vázquez Picos elaboran mel de montaña da Serra do Xistral. Atópanse na porta de entrada desta serra, entre queirogais húmidos atlánticos, turbeiras, carballeiras, prados e bosques de ribeira.

Esta riqueza de hábitats e de especies vexetais permítelles elaborar diversos tipos de mel, tanto multiflorais como monoflorais, de breixo e de silva, baixo a etiqueta da IXP Mel de Galicia.

@melvituco

Ecoturismo

Rutas Galicia Norte

Conecta coa natureza do Xistral e A Mariña

Rutas Galicia Norte é un proxecto de Boris Vilar, guía oficial de Galicia e técnico deportivo de sendeirismo. Ofrece rutas que permiten gozar do noso patrimonio dunha forma integral e auténtica. Nas súas actividades interpretan distintos aspectos como a botánica, a fauna, a xeoloxía, a cultura e as tradicións dun espazo único.

Rutas Galicia Norte organiza actividades de todo tipo, desde percorridos sinxelos, aptos para todos os públicos, ata rutas máis esixentes.

@rutas_galicia_norte