O concello de Cervantes sitúase no corazón da Serra dos Ancares, na parte oriental da provincia de Lugo, limitando ao leste coa provincia de León.
Forma parte da Rede Natura 2000 Ancares-Courel e amplas zonas do seu territorio están clasificadas como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), Zonas de Especial Conservación (ZEC) e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Ademais, está incluído na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A aldea de Piornedo, no cuxo monte traballará Saberes do Monte, está declarada como Conxunto Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural.
En Cervantes atópase o punto máis alto da provincia de Lugo, o Mustallar (1.924 metros), xunto con outros cumios próximos aos 1.900 metros. Numerosos ríos percorren este concello; entre eles, destaca o Ser, que nace e atravesa o concello ata desembocar no Navia. Esta orografía accidentada orixina un clima atlántico de montaña, con invernos fríos nos que os cumios permanecen nevados durante longos períodos de tempo, e veráns suaves. A vexetación, a paisaxe e as formas de vida no territorio son consecuencia deste clima e orografía.
As actividades
Nos máis de 276 km² polos que se estende Cervantes atopamos ata 133 núcleos de poboación agrupados en 21 parroquias, o que nos fala da dispersión poboacional deste territorio. Desde mediados do século XX, momento no que no concello habitaban case 8.000 persoas, ata a actualidade, con apenas 1.142 habitantes censados, a poboación non deixou de descender, condicionando así as actividades agrogandeiras no territorio e modificando, consecuentemente, a paisaxe.
A actividade terciaria, co protagonismo do ecoturismo, supón unha das principais fontes de ingresos nestes montes de alto valor natural e paisaxístico e cun importante compoñente cultural/etnográfico. Xunto con elas, a apicultura e a silvicultura tamén son representativas.



