Territorios

Concellos:

O Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba

Provincia:

Lugo

Figuras de protección:

Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera Terras do Miño

Hábitats destacados:

Actividades principais:

Serra do Xistral

Situada no norte da provincia de Lugo e integrada nas Serras Setentrionais de Galicia, a Serra do Xistral é un amplo macizo montañoso próximo ao mar Cantábrico. Esténdese entre as comarcas da Mariña e Terra Chá e forma parte da Rede Natura 2000 (ZEC Serra do Xistral). Ademais, unha parte importante do seu territorio está incluída na Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Trátase dunha paisaxe de montañas suaves, con altitudes entre os 500 e os 1.000 metros, que alcanza o seu punto máis alto no monte Cadramón (1.056 m). Debido á súa orografía e situación, estas montañas reciben de forma constante humidade en forma de néboas e chuvia.

O clima húmido e frío explica a presenza dunha gran superficie de turbeiras de cobertor, numerosas turbeiras elevadas e queirogais húmidos, ademais de bosques mixtos atlánticos de caducifolias. A paisaxe que hoxe vemos é tamén resultado dos aproveitamentos tradicionais, entre os que destacan a gandería extensiva de vacún e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes.

As actividades

Constitúe un territorio de montaña cun marcado carácter rural, onde a actividade agrogandeira segue tendo un papel relevante, chegando a representar ata un 30 % do emprego nalgúns concellos.

Porén, como ocorre en moitas áreas rurais, a zona sofre un importante proceso de despoboamento e envellecemento. Existen concellos con menos de 1.000 habitantes, como Muras (577) e Ourol (965), e nalgunhas parroquias a perda de poboación foi especialmente intensa. É o caso de Frexulfe e Santo Tomé de Recaré, no Valadouro, onde a poboación se reduciu á metade en apenas dúas décadas.

Unha característica clave do territorio é o predominio da propiedade comunal. Na serra existen entre 20 e 25 montes veciñais en man común, xestionados colectivamente e destinados principalmente ao uso gandeiro. Este modelo de xestión é fundamental para o desenvolvemento da actividade gandeira nestas zonas e para a viabilidade das explotacións.

A gandería de vacún en extensivo, baseada no aproveitamento dos pastos de montaña, está presente en todas as parroquias do ámbito de actuación de Saberes do Monte, contribuíndo non só á economía local, senón tamén ao mantemento destas valiosas paisaxes.

Imaxes